Carmiña Vacaloura

Este é o conto de Carmiña Vacaloura,
a vacaloura máis xentil do lugar.
Carmiña vivía nun vello carballo
e levábase ben con todo o mundo en xeral.
 
Pero ao pé do carballo nun buraco
Pepiño Grilo daba lata todo o ano
e Carmiña Vacaloura non o podía aturar.
 
"Grilo do demo que só ves a palla
no ollo alleo, para xa de falar:
non ves que ninguén atende os teus consellos
por mor da túa catadura moral?"
 
Así falaba Carmiña cabreada
abrindo as fauces e poñendo mala cara
"Ti que saberás do que está ben ou está mal!"
 
Carmiña Vacaloura fai ben,
o Grilo a ela tanto lle ten:
Do que non se pode falar
o mellor é sempre calar.
 
"Non fagas isto, non fagas o outro,
a metamorfose a levas moi mal"
Pepiño Grilo tiña frase para todo,
pouco cri-cri e moito bla-bla-bla.
 
Se chego tarde porque chego tarde,
se chego cedo porque chego cedo,
faga o que faga sempre chega o sermón.
 
Onde se viu un grilo con chistera,
acaso é o grilo do Santo Grial?
Onde se viu un insecto insecticida?
Non ten amigos nin nunca os terá.
 
E os demais insectos que xa estaban fartos
reuníronse perto do carballo
e foron a Carmiña para pedirlle solución.
 
Carmiña ti que es grande e xentil:
"bota a Pepino de aquí!".
O que nin se pode aturar
o mellor é facelo calar.
 
"A paciencia e a conciencia
son asuntiños de mal casar,
son cousas de moito pelexar.
Non son vaca nin sou loura
pero o Grilo vaime escoitar
as miñas fauces vanlle asustar"
 
Pepiño emigrou
dende o carballo ata o Nepal!
 
Grazas Vacaloura xentil
polo que fixeches por nós,
o que non se pode aturar
o mellor é facelo calar.
 
Do que non se pode falar
o mellor é sempre calar.